Na tarde do luns 2 de marzo de 2020, o Museo do Viño de Galicia acolleu a presentación da estratexia da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro para a dinamización enoturística do seu territorio e que conta coma obxectivo principal a potenciación do territorio ribeirán como destino enoturístico de calidade.

Lembramos que o estudio presentado encádrase no “Documento socioeconómico e estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro” elaborado por unha equipa de doce expertos pertencentes ás tres universidades galegas. Este traballo foi financiado integramente pola Deputación Provincial de Ourense e contou cun orzamento de 41.500 euros e estivo liderado por María do Mar Pérez Fra, Doutora en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora no Departamento de Economía Aplicada desa mesma universidade.

O enoturismo, un valor en crecemento

Segundo o traballo o enoturismo é unha actividade en constante crecemento e así os datos oficiais para o conxunto do Estado español amosan que os ingresos xerados en base a visitas a adegas e museos veñen ascendendo de forma continua, situándose en 2018 en 80,9 millóns de euros correspondentes a 2,96 millóns de visitantes.

No que atinxe á a Ruta do Viño do Ribeiro, no período 2008/2018 pasaron polo territorio preto de 100.000 persoas, máis polo miúdo 97.361 persoas. Nas estatísticas anuais lembramos que os datos rexistrados sobre visitantes ao Ribeiro dende 2008 mostran que taxas de incremento se producen dende 2012. Con todo o mellor dato rexistrouse no ano 2018 onde os visitantes chegaron aos 13.343.

Os resultados do estudio 

A análise realizada mostra que O Ribeiro presenta unhas condicións óptimas para o desenvolvemento dun produto enoturístico de calidade xa que posúe unha forte identidade territorial construída ao redor do viño que, ao tempo, non é o único valor turístico da comarca. O Ribeiro dispón de recursos patrimoniais e naturais relevantes, que permiten a construción dun produto turístico completo e atractivo: enclaves naturais, actividades acuáticas, recursos termais e unha enorme riqueza histórica que se plasma na existencia dun rico patrimonio.

Así pois, O Ribeiro está en condicións de cumprir un dos piares nos que se sustenta o enoturismo; a cultura do viño debe ser o eixo central da oferta turística, e o turista debe percibir isto ao longo do tempo que dure a súa experiencia, pero este eixo ten que transcender á actividade produtiva para ser o elemento que dá sentido a outros servizos como a gastronomía, o patrimonio, a historia e tradicións, etc.

Segundo o estudio unhas das grandes fortalezas enoturísticas do Ribeiro é a existencia da Ruta do Viño como entidade xestora na que están integrados axentes representativos tanto da estrutura institucional como das adegas ou empresas de hostalaría do territorio. Esta entidade ten como función principal ocuparse da planificación, o deseño e a xestión do produto enoturístico ribeirán.

Asemade o feito de contar coa Denominación de Orixe vitivinícola máis antiga de Galicia, e unha das primeiras de España, fai que o viño actúe como reclamo turístico de primeira orde. Por outra banda a riqueza do seu patrimonio arquitectónico e cultural ligado ao viño, o máis importante da península ibérica, e o feito de ser o Ribeiro a maior potencia termal de Ourense, a provincia máis termal de España, completan un  cadro de fortalezas a aproveitar.

Segundo o traballo a estratexia de potenciación do Ribeiro como destino enoturístico debera pivotar sobre a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro con catro grandes eixes: a consolidación do produto enoturístico; un incremento dos socios da Ruta e os seus recursos; unha mellora da promoción e comercialización e a cooperación con outros axentes institucionais ou non.

Unha estratexia para potenciar o Ribeiro coma destino enoturístico  de calidade 

O presidente da Ruta do Viño do Ribeiro aclarou durante a presentación pública do estudio que “o estudio ratifica o traballo que se está a desenvolver durante estes dous derradeiros anos na Ruta do Viño do Ribeiro; unha acción baseada na cooperación con outras entidades, a captación de socios e de financiamento e un abano de actividades promocionais do territorio.”

Juan Casares apunta que “téño dito moitas veces que o Ribeiro é moito máis que viño: son persoas, territorio, historia, cultura, tradicións e un patrimonio de valor incalculable. Esta verdade, ligada aos seus recursos naturais, constitúe un potencial enoturístico que debemos explotar para traermos máis riqueza a este terra.”

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, a estratexia enoturística da Ruta do Viño do Ribeiro se desenvolverá, nunha primeira fase 2020/21, e abranguerá tres alicerces fundamentais: cooperación, crecemento, promoción e infraestruturas.

A principal iniciativa en marcha, e que se verá potenciada a partir deste estudo, é o rexistro e desenvolvemento da marca enoturística “O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro”. Di Juan Casares que “ao redor desta marca seguiremos a facer pivotar todas as nosas accións de promoción do territorio e os seus recursos.

presentacion enoturismo ribeiro

Xunto á organización de misións de promoción para xornalistas e blogguers, este ano temos como reto traer axencias de operadores turísticos para que coñezan e valoren as nosas potencialidades co gallo de que insiran ao Ribeiro dentro dos seus destinos. Asemade desenvolveremos unha campaña de promoción do enoturismo do Ribeiro centrados en tres cidades galegas moi vencelladas históricamente a esta enocomarca: Ourense, Vigo e Santiago”.

Así mesmo, afirma Juan Casares, “faremos unha aposta forte por aumentar o noso número de socios, e polo tanto a nosa capacidade financeira, traballando sobre dous colectivos principais: máis adegas e máis concellos.”

No eido da cooperación, Juan Casares márcase como reto “seguir adiante coa alianza establecida coa Deputación Provincial de Ourense; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño que a nivel promocional xa nos deu bos froitos o pasado ano”.

En derradeiro lugar, a nivel estrutural o noso obxectivo, di Juan Casares, pasa por fomentar o concepto do Ribeiro como o Camiño do Viño mediante “un apoio decidido á declaración do Camiño Ribeiro Miñoto como traxecto oficial de peregrinación e a potenciación do Camiño do Arrieiros como camiño para andainas e tempo de lecer.”

A Ruta do Viño do Ribeiro

A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 coma unha entidade destinada á xestión e  promoción dos recursos enoturísticos do territorio co obxecto de que este sector contribúa ao desenvolvemento da comarca.  Hoxe en día conta con 54 socios entre os que hai 18 adegas, 7 establecementos de restauración, 18 aloxamentos, balnearios, termas, guía turística e oficinas de turismo, e museos.

Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén)  así como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro que ostenta a presidencia.