Enoturismo no Ribeiro, propostas para a Semana Santa

Os establecementos socios da Ruta do Viño do Ribeiro ofrecen propostas moi atractivas combinando viño, gastronomía e patrimonio. Todos eles contan con estrictas medidas de sanitarias que garanten á máxima seguridade nas súas actividades.

A evolución dos datos sanitarios danos un pouco de luz sobre a situación que estamos vivindo e aproveitando que as medidas nolo permiten e sempre con responsabilidade, os socios da Ruta do Viño do Ribeiro veñen traballando para poñer a punto as súas instalacións e ofrecer aos visitantes actividades seguras e innovadoras.

Podedes consultar as adegas que están abertas para o enoturismo: Horario Adegas Semana Santa

 

Adegas Celme, vermú e gastronomía.

Esta adega emprazada no Concello de Castrelo de Miño, ofrece dúas actividades para descubrir os seus novos produtos, o Vermú e o Viño tostado.

Maridaxe con Celmú (xoves 1 e sábado 3 ás 13:00h) Esta actividade inclúe visita ó viñedo e adega con explicacións do traballo en ecolóxico da viña e diferentes elaboracións dos viños e vermú, así como o proceso do viño tostado no secadoiro de uva.

Cataranse un viño branco e o vermú que se acompañará cunha maridaxe de varias propostas gastronómicas.

Celme, pan e queixo (venres 2 o domingo 4 ás 12:00h) Esta actividade inclúe visita ó viñedo e adega con explicacións do traballo en ecolóxico da viña e diferentes elaboracións dos viños e vermú, así como o proceso do viño tostado no secadoiro de uva.

Cataranse 3 viños acompañados dunha selección de queixos e pans.

Máis información e reservas en www.adegascelme.com

 

Cuñas Davia, experiencias enogastronómicas.

Situada no Concello de Cenlle, Cuñas Davia aposta neste días por unha oferta centrada na gastronomía e viño. Sen esquecer que o visitante se vai a atopar cunha instalación de máis de 800 anos que inclúe unha sala de exposicións. Na recepción ofrecerase un cóctel de benvida e a visita remataría cun menú maridado cos viños da adega.

Para máis información e reservas www.vinosdoribeiro.es

 

Pazo Tizón, cultura e viño

Na parroquia de Moldes no Concello de Boborás, atopamos esta adega integrada no pazo que leva o mesmo nome, unha construción do século XVIII que se completa co patio axardinado e a riqueza monumental que o rodea. Esta bodega ofrece unha visita guiada con degustación que inclúe un paseo polo viñedo anexo ao pazo, e a Igrexa de Moldes.

Mais información en www.pazotizon.com

 

Viña Costeira, picnic con historia 

Unha adega que definiu a súa estratexia de enoturismo ligada ao Pazo de Toubes, unha construción do ano 1742, onde gozar da historia e das delicias da gastronomía galega

  • A Orixe do Ribeiro,

Unha  experiencia que te achega á orixe desta Denominación de Orixe a través do Pazo de Toubes, unha adega que garda todos os segredos do primeiro viño galego. Na visita amosarase o proceso de elaboración dos viños para finalizar cunha cata guiada acompañada por petiscos de produtos da nosa gastronomía.

  • Picnic entre viñedos

Esta actividade inclúe a visita áo Pazo de Toubes e coñecemento de variedades autóctonas para rematar cun picnic no viñedo que inclúe unha ampla variedade de produtos gastronómicos galegos.

Para máis información e reservas www.costeira.wine

 

Cóidate e goza

O Hotel Balneario Laias caldaria deseña unha actividade que combina, saúde, benestar e enogastronomía. Durante os días de semana santa os visitantes poden gozar de aloxamento, tratamentos termais, visita a bodega, menú degustación e percorrer en bicicleta eléctrica o entorno natural de Laias.

Máis información: www.caldaría.es

 

A cultura do viño

No Concello de Ribadavia, na parroquia de Santo André de Camporredondo está o Museo do viño de Galicia, ofrece visitas individuais e en grupo de xoves a domingo. Este edificio foi construído no século XVIII como priorado dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de  Compostela, dedicado principalmente á produción de viño. O Museo dispón dunha exposición permanente centrada no proceso de elaboración do viño e o seu cultivo.

https://museovinogalicia.xunta.gal/gl

 

A cidade, Castro de San Cibrao de Las

Un dos castros máis senlleiros de Galicia, coa particularidade de que presenta certa similitude coas citanias do Norte de Portugal. Ten unha situación privilexiada no Monte de San Trocado no Concello de San Amaro dende onde se divisa a espectacularidade do val.

Coa visita guiada existe a posibilidade de visitar o centro de Interpretación da Cultura Castrexa.

www.https://pacc.es/

 

Visita a Ribadavia-Casco Histórico

Genuine Galicia organiza visitas, polo Casco histórico de Ribadavia,  para descubrir os principais lugares e monumentos da Vila de Ribadavia, o barrio xudeo, o castelo, igrexas, Praza Maior, Casa da Inquisición, Museo etnolóxico. Historias e anécdotas da capital do Ribeiro, acompañado por un guía local.

Máis información e reservas: https://genuinegalicia.com/rutas/visita-a-ribadavia-casco-historico/

 


A Ruta do Viño do Ribeiro deseñará un Plan de acción para potenciar o Enoturismo

A Ruta do Viño do Ribeiro potenciará os recursos do territorio aproveitando todo o seu legado histórico, patrimonial e cultural poñendo en valor o Camiño do viño”. Este será un dos puntos centrais deste Plan de Acción que se elaborará contando coa participación dos socios e dos principais axentes turísticos e enolóxicos do territorio.

O principal obxectivo, apunta o presidente da Asociación,  Juan Casares, é “converter á Ruta do Viño do Ribeiro nunha referencia enoturística en Galicia e promocionar toda a riqueza desta enocomarca que se sustenta en seis verbas: persoas, historia, patrimonio, tradición, cultura e viño.”

O CAMIÑO DO VIÑO.

A Ruta do Viño do Ribeiro leva traballando dende o ano 2007 por situar a esta enocomarca como un destino enoturístico de referencia, contribuíndo a poñer en valor os diferentes recursos e servizos que teñen como protagonista principal a cultura do viño.

Non é excepcional que unha das denominacións de orixe máis antigas de península e a primeira de Galicia albergue unha cantidade considerable de patrimonio material e inmaterial testemuña do esplendor que o viño do Ribeiro proporcionou a este territorio.

Boa parte do desenvolvemento económico e cultural da zona viaxaba polo camiño do Ribeiro ata Compostela. A capital era o principal mercado receptor deste prezado viño, de aí  que importantes estamentos civís e eclesiásticos de Compostela, estableceran durante séculos os seus dominios neste territorio para dedicalos á explotación do viñedo. Proba de elo son os recursos de carácter monumental que atopamos ao longo  de todo este percorrido, granxas, priorados, pazos, igrexas, que hoxe en día son, en boa parte, recursos enoturísticos da Ruta do Viño do Ribeiro.

O Río Avia acompañaba a arrieiros e camiñantes que percorrían este traxecto ata compostela que hoxe a Ruta do Viño do Ribeiro reivindica como O Camiño do Viño, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia. 

O PLAN DE ACCIÓN

O Plan de Acción da Ruta do Viño do Ribeiro, ten como obxectivo promocionar a riqueza desta D.O. centrandose na marca o Camiño do viño. Este documento proporcionará , unha serie de actuacións especificamente deseñadas para o territorio, que poidan poñerse en práctica no curto prazo para fortalecer o desenvolvemento turístico.

Para ese efecto, establécese unha metodoloxía de traballo de campo que poida aplicarse no contexto que se vive actualmente derivado da crise sanitaria provocada pola COVID-19, na cal se utilicen recursos existentes de traballos realizados recentemente na rexión como son, entre outros,  a diagnose e o resumo executivo do Plan Estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro ademais de visitas ao territorio de intervención para identificar os recursos e coñecer a dinámica turística actual.

Adicionalmente a estes documentos, incluiranse boas prácticas extrapolables (na súa totalidade ou con certa innovación engadida) , testadas noutras rexións a nivel mundial, que se empregarán como referencia para a elaboración do plan.

Así mesmo, e tendo en conta os protocolos sanitarios en vigor, organizaranse encontros virtuais para promover a participación de socios e axentes do territorio.

Tendo en conta a información que se vai extraer da diferentes consultas e documentación dispoñible, os resultados esperados serían:

  • Establecer un plan de acción con propostas prácticas que poidan executarse no curto prazo no territorio a intervir.
  • Orzamentar cada unha das accións propostas, identificar actores a involucralos na súa implementación;
  • Identificar posibles fontes de finaciamento que faciliten a implementación do plan de acción proposto.

Este plan de Acción pretende ser a folla de ruta que seguirá esta asociación na xestión do produto enoturístico, Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, no ano 2021.


A Xornada de Portas Abertas celebrarase adaptando o programa ás novas restriccións.

AS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS DA RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO DE GALICIA CELEBRARANSE ADAPTANDO O PROGRAMA ÁS NOVAS RESTRICIÓNS

Quedan suspendidos todos os buses do viño, pero continúan as visitas ás adegas, así como as actividades especiais nas que se poidan cumprir cos aforos.

Con motivo da entrada en vigor das novas restricións establecidas pola Consellería de Sanidade para facer fronte ao avance da covid-19, a Ruta do Viño do Ribeiro, en acordo co resto de rutas dos viños de Galicia e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia decidiu manter a celebración das Xornadas de portas abertas tal e como estaba programado para os días 23 ao 25 de outubro, adoptando as modificacións que sexan precisas no programa inicialmente previsto.

Durante esta fin de semana as adegas participantes na Xornada ofrecen visitas guiadas con degustación ás 11:30, ás 13:00 e ás 17:00 horas do sábado 24 e ás 12:00 horas do domingo 25. Para facer as visitas é imprescindible a cita previa.

Experiencias enoturísticas

Adegas Celme ofrece, o sábado 24 ás 18:00 h un obradoiro para a elaboración de vermú artesanal, a partir dun viño de variedades brancas autóctonas e de herbas botánicas naturais, con posterior cata e maridaxe de CELMÚ ( vermú elaborado pola adega),o prezo é de 39 euros.
Esta mesma adega propón unha actividade para o sábado ás 11:30 e o domingo ás 12:00 para dar a coñecer a riqueza das castes autóctonas do Ribeiro dende a terra á mesa. Un obradoiro onde se analizarán as principais características e cata posterior coas variedades identificadas a un prezo de 15 euros. Información e reservas en comunicacion@adegascelme.com

Cuñas Davia, propón unha cata comentada de 4 viños da adega, combinados con petiscos especialmente deseñados para cada viño polo chef Jesús Karballo, o prezo é de 25 euros e terá lugar o venres 23 de outubro en horario de 18h a 20h e o sábado e domingo de 13 h a 15h. Información e reservas en: comercial@adegasvaldavia.com

Casal de Armán ofrece aos visitantes unha cata vertical para o sábado 24 de outubro ás 11:30h, ás 13:00 e ás 17:00 h do domingo.Información e reservas en info@casaldearman.net.

Genuine Galicia, especializada en rutas turísticas, ofrece visitas gratuítas no Casco histórico de Ribadavia, o sábado ás 11h, ás 13h, ás 16h e ás 18h, o domingo serán ás 11h e ás 13h. Información e resevas en info@genuinegalicia.com

Na liña de visitas culturais e patrimoniais podemos disfrutar dos recursos do Museo do Viño de Galicia que ofrece visitas tanto individuais como para grupos venres, sábado e domingo en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.30. Información e reservas no teléfono 988 783 075.

Complétase a oferta enoturísticas cos menús maridados que presentan os restaurantes asociados a esta ruta, unha combinación perfecta de gastronomía local con viños de extraordinaria calidade.

A Oficina de Turismo de Ribadavia, permanecerá aberta en horario de 10.00h a 14.30h e de16.00 a 19.00 o sábado e de 10.00 a 14.30 o domingo, como punto de información sobre as actividades desta xornada, e sobre a comarca en xeral.

Adegas visitables: Adega Pousadoiro, Adegas Celme, Bodegas Cunqueiro, Casal de Arman, Leive Ecoadega, Licores os Maios, Pazo de Vieite, Priorato de Razamonde, Terra do Castelo, Val do Deva, Cuñas Davia, Viña Costeira.

Para participar en calquera actividade será inscribirse previamente, así como cumprir cos protocolos e normativas hixiénico-sanitarias establecidas.

? Nesta edición, a asistencia ás Xornadas de Portas Abertas terá que ser con CITA PREVIA obrigatoria, e seguindo unhas Recomendacións COVID 19 para todos os asistentes.

? Os protocolos antiCovid estarán moi presentes, debido á situación sanitaria, e para garantir a seguridade de todos/as os/as participantes. Tamén será preciso complementar unha DECLARACIÓN RESPONSABLE_covid_19 para poder asistir a calquera das iniciativas programadas.

Dende a Ruta do Viño do Ribeiro temos o obxectivo de seguir traballando para consolidar o enoturismo como un factor de desenvolvemento do territorio, adaptándonos, na medida do posible ás esixencias da normativa en materia sanitaria.


Presentación da campaña de promoción para fomentar o enoturismo en Galicia

A Xunta e as Rutas do Viño de Galicia presentan unha campaña de promoción e unha plataforma de comercialización para fomentar o enoturismo.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, asistiron hoxe á presentación na Cidade da Cultura da campaña de promoción do enoturismo no turismo de proximidade coa que dar a coñecer as experiencias turísticas vinculadas aos Roteiros do Viño de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras).

No acto, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentouse ademais unha plataforma de comercialización desde a que se ofertarán de forma telemática as reservas para participar nestas experiencias.

Read More


Contacta

Praza Maior, S/N
32400 Ribadavia, Ourense

Teléfono: 988 47 71 00
Correo: ruta@rutadelvinoribeiro.com

Conéctate

 

Política de Cookies
Usamos cookies para mellorar a súa experiencia mentres usamos o noso sitio web. Se está a usar os nosos Servizos a través dun navegador pode restrinxir, bloquear ou eliminar as cookies a través da configuración do seu navegador web. Tamén empregamos contido e guións de terceiros que poidan usar tecnoloxías de seguimento. Podes fornecer o teu consentimento a continuación para permitir este tipo de terceiros. Para obter información completa sobre as cookies que usamos, os datos que recollemos e como os procesamos, consulte o noso Política de Cookies
Youtube
Acepta mostrar o contido de - Youtube
Vimeo
Acepta mostrar o contido de - Vimeo
Google Maps
Acepta mostrar o contido de - Google