A Ruta do Viño do Ribeiro aposta por potenciarse coma destino enoturístico

Escrito por ruta / 18 March, 2019 / enoturismo, Ruta do Viño / 0 Comentarios

Esta mañá presentouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, centro dependente da Deputación Provincial de Ourense, o programa de actividades que a Ruta do Viño do Ribeiro vai desenvolver durante o ano 2019 e que vai amparado baixo a marca “O CAMIÑO DO VIÑO. RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO”.

A presentación contou coa asistencia do Presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar Blanco e co Presidente da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro e do Consello Regulador da D.O. P. Ribeiro,  Juan Manuel Casares, estas institucións colaborarán na execución deste programa de actividades xunto co Xeodestino O Ribeiro-Carballiño, presidida por Francisco José Fernández Pérez.

O obxectivo principal desta colaboración é facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, outros retos son “Espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado.” Asemade apunta que “queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos.”

A Ruta do Viño do Ribeiro

A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 coma unha entidade destinada á promoción do territorio ribeirán e os seus recursos cunha finalidade turística. Hoxe en día conta con 52 socios entre os que hai 19 adegas, 7 establecementos de restauración, 9 aloxamentos, balnearios e termas.

Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén)  así como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro que ostenta a presidencia.

Unha colaboración histórica

Durante o ano 2018 se foron tecendo redes de cooperación entre a Ruta do Viño do Ribeiro e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño promocionando o turismo neste territorio. Puxéronse en marcha actividades como o Bus do Viño durante os meses de xuño a setembro e tamén se desenvolveu unha misión inversa con medios xornalísticos galegos especializados no mes de novembro.

Segundo Francisco José Fernández Pérez, presidente do Xeodestino, “O éxito acadado nestas accións nos animou a ir un pouco máis alá e plantexar unha cooperación con máis entidades. Deste xeito, por vez primeira na historia do Ribeiro, catro entidades con obxectivos e intereses comúns (Deputación, Consello Regulador, Ruta do viño e Xeodestino) establecen unha estratexia conxunta e poñen en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela.”

O CAMIÑO DO VIÑO

As catro entidades deseñaron un paquete de actividades que se acubillan baixo o marca O CAMIÑO DO VIÑO. RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO que quere trasladar a idea do Ribeiro como unha zona con historia dende os romanos ata hoxe, pasando polas grandes ordes monacais, os fidalgos ou señores da terra e a figura dos arrieiros.

Segundo Juan Manuel Casares, “O Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia”.

De xeito principal, apunta Francisco José Fernández Pérez, “identificar a Ruta do Viño do Ribeiro co “Camiño do Viño” fundaméntase na importancia da figura dos arrieiros e dos percorridos que, pouco a pouco, se foron definindo en función de cal era o destino do viño (do Ribeiro) que transportaban.”

O certo é que a existencia de granxas vitivinícolas dependentes de ordes eclesiásticas establecidas en Compostela,  fixo que  un dos destinos principais destes “comerciantes” sexa Santiago. Esta relación comercial Ribeiro – Compostela, tórnase estratéxica para o desenvolvemento económico dos dous territorios fundamentalmente polo comercio do viño do Ribeiro, que tivo repercusións a nivel social e cultural.

Pontevedra foi o outro gran punto de negocio do Ribeiro xa que era o porto de mar dende onde este viño se comercializaba a outras zonas de España e ao estranxeiro. Lembremos que o Ribeiro foi o primeiro viño que chegou a América e o primeiro viño galego que se internacionalizou.

Actividades previstas para o ano 2019

Neste contexto as actividades a desenvolver durante o ano 2019 se concretan no desenvolvemento dunha Campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro.

Farase unha presentación en Santiago de Compostela da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto á metrópole galega.

Unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español daralle unha dimensión nacional á estratexia e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro.

En derradeiro lugar a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará tamén, no mes de xuño, a VIII edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.

Comentarios

Sin comentarios

Deixa unha resposta

Your email is never published nor shared. Required fields are marked *

*